Unha versión desta entrada foi publicada no xornal La Voz de Galicia o 13.08.19 (http://cort.as/-N0rd)
Un millón de vacas é un fermoso libro no que Manuel Rivas evoca a Galicia. O xornalista televisivo Luis Pancorbo utilizou asimesmo ese número máxico en «La última vuelta al mundo en 80 días» ao falar de Laos, o Reino do millón de elefantes. Eu tamén recurro a esa licenza literaria para falar de España como o país do millón de farmacias, pois estes establecementos aumentan o seu número de forma sostida nos últimos anos, chegando en 2019 á cifra de 22.000, o que equivale a 1 farmacia cada 2.112 habitantes, a proporción máis baixa do mundo (lonxe dos 4.100 de Alemaña, 7.500 de Suecia ou 15.000 de Dinamarca), un minifundismo contrario a calquer lóxica sanitaria, pero que acerca a farmacia aos cidadáns, lema usado polo Consello Xeral de Farmacéuticos nunha campaña recente, facendo da resignación virtude. O millón de farmacias chega ao seu zénit en Navarra, con aberracións como a existencia de farmacias non habilitadas para dispensar receitas médicas da S.S. e outras que carecen practicamente de medicinas e na práctica son case parafarmacias.
![]() |
Vitrina da farmacia de Tallín (Estonia) |
Algunhas farmacias eran verdadeiras obras de arte, como a de Tallín (Estonia), con 500 anos, a máis antiga de Europa -con permiso da española de Llívia, enclave catalán en Francia. En Galicia, como relata con hábil pluma José Luis Aulet en «Boticas. Las antiguas farmacias de Galicia», temos varias ilustres, como a betanceira do Dr. Couceiro, que neste 2019 cumpriu 300 vizosos anos. Pero hoxe as farmacias son recursos invisibles, que se dan por feito. Así, nun festival musical multitudinario que se celebra todos os anos no norte de Galicia, nos folletos distribuídos polo Concello figuraba como dotación sanitaria só o Centro de Saúde, pero non as farmacias da vila. Non é unha omisión atípica; ao contrario, é habitual ese desprezo, tal vez pola consideración das farmacias como alleas (iso cren eles) ao sacrosanto sistema sanitario público español.
Dar por feito a existencia dunha farmacia en calquera poboación galega ou española é un fenómeno recente. Ata a instauración en 1857 da facultade de Farmacia en Compostela, no vello pazo de Fonseca, a presenza de boticarios nas vilas galegas era reducida ou inexistente. Así, en 1852 Pontedeume buscaba un boticario que preparase as receitas médicas, pois sen él, a utilidade do médico estaba mermada. Similar problema dábase nas Pontes de García Rodríguez en 1904, cando unha comisión de veciños tratou de convencer ao Dr. José Varela, médico mozo que vivía en Ferrol, a que abrise consulta naquela localidade, ao que se negou por non haber boticario. Finalmente, concertou co farmacéutico ortigueirés Marcial Lens, e ambos trasladáronse á localidade pontesa. Situacións similares había no rural de toda España.
![]() |
Farmacia Couceiro, en Betanzos (Foto: La Voz de Galicia) |
![]() |
Escultura do loro Ravachol fronte ao santuario da Peregrina en Pontevedra |

Ai, as farmacias! desexadas e malqueridas...